Textos críticos |
Ernest Hemingway (Oak Park, Illinois, 1899-Ketchum, Idaho, 1961) cóntano-la historia dun vello
pescador que despois dun período de oitenta e catro días sen pillar consegue capturar un enorme
peixe. A agónica loita entre o vello e o peixe prolóngase durante varios días e varias noites,
tempo durante o cal, o animal arrastra a embarcación do vello cara ó interior do océano. Cando o
pescador consegue facerse con el, retoma o camiño de volta ó porto, a onde chega só co seu
esqueleto, o resto deixado tralas envestidas das quenllas. Publícase agora por primeira vez en
galego esta obra do premio Nobel de Literatura de 1954.
Recensións:
-Nacho Mojón, “Casares traduce a Hemingway al gallego”, Faro de Vigo, “El Sábado”, nº 73, 19 setembro
1998, p. 1.
Tras enxalza-la figura de Hemingway, comenta o feito de que esta é a primeira vez que se traduce ó galego
un libro do estadounidense e subliña a importancia desta obra na concesión do Nobel en 1954. Despois
repasa as teorías de Carlos Casares, o traductor, sobre as posibles orixes viguesas da novela, da que
ofrece o argumento e sinala o seu simbolismo. Tamén refire as circunstancias da morte do autor. Finaliza
recollendo un fragmento do texto nas versións inglesa e galega.
-Estro Montaña, “Polos mares de Hemingway”, Guía dos libros novos, nº 2, “Literatura. Narrativa”,
decembro 1998, p. 21.
Narra a vida e o rexurdir deste escritor dende a publicación de O vello e o mar. Diferénciase, na súa
opinión, esta novela de Por quen tocan as campás (1940) e Adeus ás armas (1929), do mesmo autor, polo
ton sentimental, o estilo e o optimismo. Fai unha síntese do argumento do libro, publicado no 1952 en
versión orixinal, e gañadora do Premio Pulitzer de ficción. Afirma que o novelista creou un “novo estilo
seco”, de frase curta e precisa, deixando a súa pegada na literatura norteamericana do século. Recorda os
comezos do escritor en Kansas City e observa que o realismo neste libro contamínase con descricións
poéticas que lembran a Melville ou a Whitman e que na obra se ve “o oficio de quen sabe contar con
detalles significativos a historia”. Para terminar, menciona que a obra acaba de ser traducida ó galego por
Carlos Casares, e pensa que a traducción non se debe desvalorizar polo feito de que o traductor non
aclare, a pé de páxina, que as palabras en cursiva se manteñen en español por apareceren do mesmo xeito
no orixinal.
-X. G. G., “O vello e o mar en galego” Grial, nº 140, Tomo XXXVI, outubro-novembro-decembro 1998, pp.
801-802.
Parte dun comentario acerca da irregular recepción que tiveron as obras de Hemingway. No tocante a O
vello e o mar, fai un resumo do argumento e repara na temática da obra, atopando reminiscencias bíblicas
a modo de lendas populares. Considéraa unha novela sinxela e próxima á escritura behaviorista.
Finalmente, conclúe cunhas liñas nas que sinala que Casares, a modo de homenaxe ó autor, realizou un
axeitado traballo de traducción.
Referencias varias:
-Francisco Castro, “O vello e o mar”, Atlántico Diario, “Culturamanía”, 18 setembro 1998, p. 12.
Exalta o papel das editoriais na normalización da nosa cultura a diferencia doutras institucións. Sitúa esta
obra entre as mellores paridas pola literatura universal e expresa a súa preferencia polo Hemingway
comprometido e social fronte á imaxe prototípica, relacionada coas touradas.
-M. Blanco Rivas, “A derrota final como promesa dunha victoria”, Faro de Vigo, “El Sábado”, nº 78, 24
outubro 1998, p. 6.
Comeza coa presentación duns datos biográficos de Ernest Hemingway, así como das obras máis
destacadas da súa producción literaria. Ademais, inclúe opinións de Vintila Horia sobre O vello e o mar e
afirma que a publicación desta obra foi decisiva para que “lle fose concedido ao seu autor o Premio Nobel
de Literatura”. Remata ofrecendo as características básicas da obra de Hemingway.
|