Observacións |
Rematada cara ao ano 1230 e de autor descoñecido, A morte do rei Artur constitúe a derradeira das tres narracións que forman a triloxía do Lancelot en prose e pon fin ao extenso ciclo en prosa dedicado ás fazañas dos compañeiros da Mesa Redonda, o coñecido ciclo da Vulgata artúrica.
Nesta obra nárrase o crepúsculo da gloriosa “era artúrica”. Os principais protagonistas aparecen xa entrados na vellez e botando en falta o esplendor perdido das épocas anteriores. A envexa que Agravaín sente por Lanzarote lévao a desvelar ao rei os amores adúlteros do afamado cabaleiro coa raíña. Este feito desencadea unha serie de enfrontamentos que culminan na sanguenta batalla da chaira de Salisbury, que marca o fin do reino artúrico coa desaparición de todos os seus cabaleiros. Lanzarote e Xenebra pasan os seus últimos días separados, Mordret e Artur mátanse mutuamente, morren os heroes e os poucos que sobreviven refúxianse en mosteiros. |