Observacións |
Nau de amores é un “mosaico” no que un conxunto de breves farsas, un auto litúrxico e varias cancións líricas do escritor tardomedieval Gil Vicente (Guimarães, 1465-1537), pasan a formar un todo unitario gracias ó traballo de adaptación do dramaturgo Cándido Pazó. Tras dunha aproximación ó texto e dunha sección adicada á escenografía e ós signos icónicos empregados na representación da obra, o volume recolle , como homenaxe a Luís Seoane, unha serie de debuxos do pintor inspirados en diferentes “Autos” do autor portugués. A obra constitúe unha viaxe simbólica que parte do “mundo tardo medieval dos autos litúrxicos cara á expresión humanística das farsas”. A peza iníciase cun pequeno prólogo no que “o Ben e o Mal, o Anxo e o Demo, agardan coas súas respectivas barcas ós que han ir ó mundo dos mortos. Estes personaxes abandonan as tebras para se achegar ó mundo vitalista da farsa de Gil Vicente”. A súa continua presencia en escena servirá para empatar “argumental e ritmicamente” as diversas historias da obra. Nau de amores convértese nunha galería de personaxes-tipo que reflicten o espírito carnavalesco - denuncia das “formas do poder” e dos costumes- propio do teatro bizantino: a inmoral e espelida alcaiota, o vello namorado, o clérigo namoradeiro, a pegureira, o fidalgo esfameado, a moza, a nai, os criados e o pastor inxenuo. O volume complétase cun achegamento, por parte de Rexina Vega, á obra do autor portugués e á peza que nos ocupa. |