Textos críticos |
-M. Quintáns S., “Esopo en galego”, El Correo Gallego, “Edición 7”, 27 xullo 1997, p. VII.
Sinala que a traducción das Fábulas de Esopo era unha obriga para a nosa literatura tanto pola
oportunidade de gozar da súa lectura en galego coma pola influencia que exerceu este autor grego nos
fabulistas posteriores. Recolle as opinións verquidas por Teresa Barro no prólogo da obra, e que serven
para caracterizar estas fábulas. |
Observacións |
Tradución dende o inglés de Esopo.
Este volume reúne un total de oitenta e unha Fábulas vertidas ó galego, segundo a traductora, na
versión máis fiel posible ós que puideron se-los textos esópicos orixinais. Na breve introducción,
abórdanse fundamentalmente tres cuestións: as diversas incógnitas sobre a identidade do autor e
a transmisión da súa obra; a súa influencia e reinterpretación nas distintas tradicións fabulísticas,
tanto occidentais coma orientais, e finalmente o contido ético e pedagóxico, nunca moralizador,
das fábulas. É por iso que Teresa Barro non inclúe na súa traducción as coñecidas sentencias
finais que lle foron introducidas a posteriori, probablemente polo cristianismo. As fábulas,
acompañadas esporadicamente ó longo do volume por sete gravados de Pepe Carreiro, relatan
situacións diversas e comprometedoras entre animais (raposos, tartarugas, lobos, leóns...), homes
(un ateniense, un pastor, etc.) e mesmo deuses (Hermes, Heracles ou o mesmo Zeus). Aínda que
a meirande parte delas son breves e directas, algunha presenta unha maior extensión e
elaboración no relato. |