Textos críticos |
______, “Carlos Casares: Dios está a la derecha”, Leer, nº 87, febreiro-marzo 1997, pp. 44-46.
Entrevista co escritor Carlos Casares con motivo da publicación en castelán da súa novela Deus
sentado nun sillón azul. O escritor comenta o tema fundamental da obra e dá a coñece-las súas
opinións sobre distintas cuestións literarias: o realismo, o seu labor como autor de contos, a súa
opinión sobre Torrente Ballester e o futuro do mundo do libro. Comenta a presencia da guerra
civil, o realismo e o erotismo na novela e fala tamén da relación editor-autor, da práctica da
autotraducción e da pervivencia futura do libro, malia a competencia dos novos soportes.
Araguas, Vicente, “Razón de violencia”, Revista de libros, nº 5, “Literatura Española”, maio
1997, p. 40.
Recensión da versión castelán de Deus sentado nun sillón azul. Comeza esta análise cunha
síntese da temática da novela de Casares, na que se salienta o realismo e o afán moralizante.
Caracterízase a obra pola presencia da “violencia ambiental” e dun “cuadro esperpéntico en el
que la sombra de la guerra (...) hace de las suyas”. No tocante á temporalización, loúvase a
inclusión de numerosos flash-backs de elevada perfección. En canto ós personaxes, Araguas
opina que o autor ourensán tentou resumir no protagonista a tódolos intelectuais da preguerra
que se alinearon co réxime franquista unha vez rematada a sublevación militar. Para rematar,
refírese á calidade da traducción e expresa o seu desexo de que autores coma Méndez Ferrín
atopen o seu oco no mercado editorial español.
Conte, Rafael, “Dios sentado en un sillón azul. Carlos Casares”, ABC,
“ABC Literario”, nº 282, 28 marzo 1997, p. 9.
Refírese á traducción ó castelán de Deus sentado nun sillón azul, publicada por Alfaguara en
1997. Repasa a historia literaria de Carlos Casares, as súas obras de creación e os seus ensaios
para comentar esta súa última obra. Fronte á maioría das críticas que coinciden en destacar
como característica basilar da obra de Casares a oralidade, R. Conte cre que a súa escrita se
caracteriza pola combinación da “mirada” e da “memoria”. Considera que ambos elementos están
presentes en toda a súa obra e tamén nesta última, na que predominan as descricións e a
memoria dunha época, a Galicia do franquismo, que protagoniza un trasunto de Vicente Risco. |