| Observacións |
Tales from Earthsea publicouse en 2001 e constitúe o quinto volume da serie Terramar de Ursula K. Leguin (1929-2018). Forma unha unidade narrativa coa sexta e última entrega da saga, The other wind, publicada tamén en 2001.
A serie Terramar, iniciada en 1968 con A wizard from Earthsea, acumula premios do xénero tan prestixiosos como o Nebula, Locus, World Fantasy, e xeralistas como o National Book Award dos E.U.A. Concretamente, esta quinta entrega foi galardoada co Locus (2002) e o Endeavour (2002).
Dentro do que comunmente se coñece como Alta Fantasía trátase da saga con maior recoñecemento por parte da crítica e o público, pois achega ao xénero unha serie de elementos que rompen o canon eurocéntrico tolkiniano, como por exemplo a subversión racial, a deconstrución do xénero, a crítica ao patriarcado etc.
En lingua galega, os primeiros tres volumes foron publicados por Urco editora entre 2016 e 2018, e logo reeditados por Boadicea Editora, que completou a serie entre 2024 e 2025 coa publicación de Tehanu, Contos de Terramar e O outro vento. O conxunto da serie foi traducida por Tomás G. Ahola, tradutor e editor especializado, sobre todo, en literatura de xénero fantástico. |