Observatorio da Tradución en Galicia

A Biblioteca da Tradución Galega é unha base de datos de libre acceso dende 2004 que creou e desenvolve o grupo de investigación homónimo BITRAGA da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.

A base de datos contén o catálogo coa referencia bibliográfica arrequecida con variada información paratextual dos textos traducidos cara a e dende a lingua galega. O seu obxectivo é proxectar a importancia política e cultural da produción traducida e das súas autorías.

Este catálogo favorece o intercambio científico dos datos con todas aquelas persoas interesadas neste ámbito de coñecemento: autorías, tradutoras/es, profesionais da crítica literaria, editoriais, comunidade académica e asociacións profesionais, así como calquera outra persoa, institución, organismo público ou privado.

A Biblioteca da Tradución Galega recolle a referencia das traducións en formato libro publicadas dende 1980 ata a actualidade. O rexistro das traducións anteriores, así como das incluídas en publicacións seriadas, está en proceso. Trátase dun proxecto en constante revisión, aberto a suxestións e ampliacións.